31 dic. 2007

Nercellada 2007

Ben, para remata-lo 2007 tiven a oportunidade de participar na NERCELLADA cunha nutrida participación de 'xente que gosta da corrida' como dín en Portugal; de tódalas idades e con gran espíritu trouleiro, case que antroideiro. Tras moitos intentos non conquerimos que Cristian (0 5º Nercellas) dera a saida dende Duchtland mais sabemos que estaba nelo e que el tamén festexou o día facendo un gran papel na carreira de Hannover.

Saimos en neutralizada ata a primeira "ponte-badén" e logo xa os gacelos atacaron e cada un foi como puido -no meu caso- ou como lle apeteceu...


Desculpade a calidade do vídeo mais non puiden ter moita conta da cámara....



As entrevistas subireinas á KANLEPALLEIRO e vos porei un enlace.

27 dic. 2007

Agasallo de nadal

Ben, eu pedir non pedira ren mais estes días recibín o mellor agasallo que podo desexar como corredor: voltar a "trotar".

Polo de agora a cousa vai ben; teño unhas mañiotas estupendas porque as miñas pernas non poden co que poden o meu corazón e os meus pultmos, xa se irán afacendo.

30 nov. 2007

Ata o ano que ven...

Pois si. Isto ten que ser un sinal para que faga unha "parada biolóxica". Eu son capaz de resignarme a non correr si teño unha rotura de fibras nunha perna... o que nunca me pasara fora o de mancarme nun brazo.

Debeu ser no Ximnasio (só 10 Q.; 25 repeticions) o Luns ainda que nin nadando o martes nen ne bici o mercores (con nova marca persoal no percorrido) sentin ren ata que ó enfriar vin que non podía dobra lo brazo dereito; tiña evidentes problemas para calquer manobra básica e iso si que xa non pode ser.

Supoño que me arrepentirei mais teño decidido non facer ren ata Xaneiro e logo a ver.

9 nov. 2007

Outra volta o sono que remata

Tiña que ser...a calidade deste material que me compón non dá para mais e celebrando as 40 voltas ó sol torna ás andadas...

Polo menos pasoume facendo series que é como eu penso que teñen que pasar estas cousas porque a min de pasarme o único que desexo é que non me pase nunha proba sobor de todo si a traballas durante tempo. Non hai mais frustrante que presentarte nunha liña de saida tras 2-3 meses de traballo e non poder chegar á meta.

Semella unha pequena rotura de fibras mais non nos xemelgos nen no sóleo senon mais adentro case pegado á cara interna da cabeza do peroné; de feito, só me manca na fase final do impluso, no apoio dos metatarsos.

Rompeuse unha progresión; escomenza outra.

4 nov. 2007

Seman de santos...

Ben, hoxe rematou a semana de santos. A cousa é coma sempre, un sempre tenta aproveitar cando se sinte ben e tira ata que...

O meu é vos así; dende o mesmo domingo pola tarde, paseando me atopei a gusto e seguín toda a semana adestrando a todo e coa mente ocupada mais en como aproveitar mellor esta oportunidade que en planificar un traballo serio. Así me vai, a rachas.

Hoxe fun á "carreira de santiños" de O Barco e voltei a flipar cunha organización de grandes medios humans e anímicos e moito sentidiño todo elo ben orientado de tal xeito que os bós tiñan motivos para acudir, os populares para participar, os rapaces para se divertir e toda a vila para animar.

Tendo en conta que o que adestro non é de 'calidade' e que onte fixera un "longo" non me podo queixar: fixen os 6 Qm. en 23'39" e a proba en 27'19" (non sei canto sería o total).

O Domingo mais (se non se torce).

31 oct. 2007

Resultado e mais fotos

Bueno, contara mal e fun 23 de 75. O tempo o xa referido 2:14':16".

A continuación alguhas imaxes do album web da organización.

Esta é da saida. Moi serio...(o medo é libre)



Esta no grupo no que me acoplei ata a primeira subida...



Esta tras rematar esa primeira subida; fixádevos que fermosura de vista cara o centro da depresión berciana...



Estas dúas coa derradeira botella de auga cara a subida final...



29 oct. 2007

Sair a por todas e...

Chegar e gracias.

Voltei a face-lo cabra e tirei monte arriba con outros 83 compañeir@s; enfrontamo-lo desafío dos 1300 metros de desnivel en 24 Qm dende Ponferrada ata o alto do morredero cun perfil que, debido ás súas variacions, esixe unha concentración especial...

A meteoroloxía non tiña nada que ver coa do ano pasado; día completamente despexado e fresco; 10º marcaba o termómetro de Puente Boeza cando pasamos ó seu carón.

Desta volta non me valía dicir que "é a primeira vez" nen aludir á meteoroloxía adversa para sair conservador ó principio así que, ainda sen estar no mesmo estado de forma que o ano pasado, tirei dende o principio e fixen ata o pé de Salas nun grupo de xente coñecida a unha media de 4'/qm.



Naquela primeira pendente tracei o ritmo a levar nas costas fortes; outra volta ia tentar chegar sen parar mais tampouco me podía permitir rebentar nunha costa polo medio da proba.

Pouco ou nada de atención lle prestei ó detalle de se ia diante ou detrás ou se ia en tal ou cal posto; concentreime no paso, en beber, en tomar os sobres de xel nos momentos oportunos i en por e quitar os manguitos segundo a sensación térmica. Viñeronme ben, cando non os precisaba postos dobrábaos e os levaba no borde do pantalón e os empregaba para seca-la suor.

Na recta de San Cristobal tentei por primeira vez meter algo mais de velocidade e, ó paso pola ermida, comparei o tempo co do ano anterior... non ia mal, non. Iso animoume e decidin apertarme un pouco nas rampas de Bouzas.

Cando a costa aminorou non sabía ben a que carta quedarme; se tentar recuperar un pouco ata a seguinte subida ou si tentar manter ritmo e confiar nun derradeiro sobre de xel e aperta-los dentes no tramo final. Tirei empuxado pola "sensación San Sebastián" de ter unha ocasión única de facer unha boa marca ainda que non estivese tan preparado como desexaba.

Na baixadiña cara ó mirador de Peñalba estirei a zancada e corrin de tal xeito que sentín frio nos brazos;no mirador ollei o reloxio (1:50') e pensei que podía facer marca persoal só faltaban 4 Qm.... o troco ó voltar a subir foi brutal, nun primeiro intre armeime de paciencia tentei un paso 'sabroson' ahi tomaronme estas fotos...




Ia eu 'cantando' no meu caletre un "remake" do tema 'Sementeira' de Fuxan os Ventos.




"Rebentar, rebentarei;
Toliño debo de estar,
mais mentres as pernas podan vou subindo
e sei que vou chegar...
"

Logo xa me "rompín" e seguín subindo mais a forza de bracear que polo impulso das pernas...



Os intres finais dende o cruce cara a estación ata a meta foron reconfortantes mercede á compañía de Jorge a quen lle teño que agradecer o xesto. Cheguei con 2:14':16" Mellorando 8' a marca do ano anterior mais en virtude do clima que do estado de forma. Non estou insatisfeito porque esta tolería xa é un exito rematala. Da clasificación aínda non sei nada; mais contando polas fotos coido que fixen 24 dos 84.

Polo demais; vitoria e record de Roberto Jimenez un rapaz de Avila que sorprendeu a un Chus Alonso que saira valentemente a pola marca e se atopou cun rival inesperado; malia todo Chus mellorou tamén rexistro do ano pasado e terá que voltar a tentalo para inscribi-lo seu nome no palmarés da proba. Dos amigos Miguel quedou 3º na súa categoría.

Da organización nada que reprochar...A camiseta técnica desta edición é unha pasada (a podedes ver nas fotos, a levo por baixo da Kan-miseta) e porque a instalación da estación mellorou o posible e polo menos hai luz e un sitio pechado para se mudar. O xantar post-carreira ten un toque 'familiar' agradable; A ver si para o ano se anima mais xente.

18 oct. 2007

Susto e disgusto

O pasado domingo fun face-lo roteiro de costas con toda a "impedimenta" propia dun adestramento longo: Auga, mobil, Pulsometro e ansiedade...

Tras face-la terrorifica subida de Molinaseca cara a Lombillo, baixar á estrada e voltar a subir por Salas xa tiña eu a mente nas series da semana cando, voltando a baixar de Lombillo, me escomenzou unha dor tremenda no xoenllo esquerdo; algo así como si me serraran a perna ou ma estivese a morder un animal... Baixei o ritmo ata case ir andando dobrei e redobrei o xoenllo mais 'aquelo' seguia alí doendo con forza cando apoiaba para frear. Xa no terreo chan seguín trotando coa dor algo menos intensa que non me permitía alongar a zancada e correndo ó "estilo Rosa" cheguei á casa desesperado.

Na casa non me molestou mais e pola tarde saimos a pasear sen que tivese eu a menor molestia. O Luns collín a bici decidido a "romper ou rachar" mais o certo é que non me deu nengunha molestia e vin que agora escomenzo a estar algo en forma nas dúas rodas. O Martes fun ó traballo correndo; sain con medo, pero cheguei sen atrancos a un ritmo normal e subin as escaleiras forte para darlle ocasión de mostra-la faciana ó problema mais nada de nada. Onte sain novamente na bici e fixen a mellor media do ano e case sen cansarme...

Agora só teño o disgusto destes 2 ou 4 días sen adestrar... Misterios dos meniscos.

10 oct. 2007

A volta da Volta.


Pensastes que non ia comentar ren delo porque me foi mal?, que pouco me coñecedes.

O sábado fíxose unha versión "express" da vella VOLTA CICLISTA POPULAR Á COMARCA DO DEZA. Acudimos antiguos organizadores e gañadores de pasadas edicions e saiva nova que está a demostrar o seu poder nesas competicions polo pais adiante.
Fixemos un dos percorridos que, pola súa configuración, menos adoitamos naqueles tempos mais que lle dan moita "caña" a quen teña ambición para ir adiante.

Eiqui estamos ós da partida, ainda que non todos os que somos porque eu botei en falla a moita xente; escomenzando polos que xa non poden estar de ningún xeito e seguindo polos meus 'alters ego' na organización da carreira. Saimos moi amodiño para que o vello apreciase o agasallo e logo as cousas foron como teñen que ser e subindo cara ó Carrio desatouse unha pequena escaramuza que non rematou ata As Cruces. Alí se fixo un alto por "doble pinchazo" e logo seguimos baixando pola vella estrada cara a Merza unha das poucas que segue como hai 15 anos. Nese tramo xa me tiven que resignar a que, ese día, non podería seguir na bici. Tumbeime nun prado ó son dos paxaros e agardei polo "coche escoba".

Voltando para casa seguindolle o rastro atopei ó grupo no momento culminante xa rematada a subida ata A Goleta o trio deste vídeo se vixiaba cara o derradeiro ataque... a ver quen comenta o final.

4 oct. 2007

Cargando

Dempois de voltar a probar en Guititiz que as pernas non me fallan estou iniciando a "sesión de carga" para ???. Supoño que non pasarei dunha media maratón e mais tendo en conta que sego a face-las tres actividades malia a "fractura de cadeira" que padeceu a miña bici nesta pasada seman.

Tamén no plano "para-deportivo" levamos unha boa 'sesión de carga', moito mais ilusionante do que os resultados individuais me producen pois o obxectivo de fomenta-la participación estase engadindo ó de informar sobor de tódalas probas populares do país e arredores.

Aló imos novamente coa vista na liña do horizonte e un sorriso.

24 sept. 2007

Masa, cartos e Imitabilidade

Veño dándolle voltas ó tema do éxito deportivo porque non acabo de entender que non se montasen grandes festexos cando se conquire nun deporte moi coñecido como o baloncesto facer un campionato brilante e ilusionante e moito menos entendo que a un atleta do nivel de Javier Gomez Noya non se lle fagan recebementos multitudinarios...

O tema saltou enriba da mesa dunha cita inexcusable c@s mellores amig@s e cada quen deu algunha clave; saiu sen dubidalo o argumento sociolóxico sobre o sentimento de comunidade que se vive e se transmite nunha grada dun espectáculo deportivo mais quedou claro que, na actualidade, as gradas están en calquer sitio onde se poda visionar o dito evento en grupo. E claro, alí apareceu o factor económico que fai posible a dita emisión dun evento deportivo e a motivación que o dito factor pode ter... A publicidade que vai por detrás do poder de convocatoria de cada evento, ¿ou por diante?. Hai deportes que "aparecen" nos medios sen entenderse ben porqué; seguramente nalguns casos ten que ver co poder adquisitivo dos posibles expectadores (nautica, golf, hipica...caza e pesca) o que tamén explica a rápida aparición de canles de emisión exclusivos que acadarán un maior éxito canto mais persoal se faga (nestes deportes de elite) o xeito de visionalos. Noutros casos se trata de deportes 'impulsados' por un compendio de intereses de marcas e axentes que atopan interesante un nicho de espectadores ós que só basta con darlles unha excusa para que señan afeccioados forofos dun tipo de evento; este SI será un evento mais comunal e, en moitos fogares, familiar polo que se adapta a súa hora de emisión na medida do posible para que cumpra esa función.

E mezclado con todo isto e seguramente impulsado por elo está o factor IMITABILIDADE que lle confire a unha manifestación deportiva o caracter de afección persoal en tanto que un pode "facerse a idea" de que practica esa modalidade deportiva ben de xeito continuado (xogando un partidillo) ou de xeito ocasional (facendo adiantamentos e acelerons)... porque non son sómente os mais pequenos os que teñen esta conductas, só que eles si manifestan abertamente o seu desexo imitador.

E neste factor onde hai deportes que fallan completamente e por elo non reciben o seguimento do público e por elo non hai cartos detrás deles e por elo non o emiten e por elo a xente non sabe deles... e volta a escomenzar. Eu poño como exemplo de semellante rutina da frustración ó triatlón un deporte dificilmente imitable de xeito esporádico e moi arduo de adestrar de xeito cotian mais absolutamente espectacular e, dende logo, moi completo e satisfactorio na súa práctica. Polo que, malia ós lamentables espectáculos recentes a nivel local e deixando de lado ás figuras mundiais desta disciplina quero voltar a reivindicalo como un deporte axeitado para a súa práctica popular e, por elo, aberto na súa participación a quen se sinta preparado en con ánimo de facer nunha proba deportiva tres das mais esixentes diciplinas individuais. Reivindico o triatlon "soft" como expresión de ocio/lecer do mesmo xeito que os roteiros de sendeirismo para quen está preparado para eles.

EDICIÓN 26 de septembro. Esquecin dicir que esta entrada ven a conto de porqué nunhas festas patronais SI se pode corta-la circulación durante todo un domingo dunha vía de 4 carris que evita o tráfico polo centro da vila para un evento de motor i, entroques, a carreira popular das ditas festas se ten que celebrar a semana anterior para "non estorbar" co tráfico e as atraccions das festas...

17 sept. 2007

Inicio de Tempada

Xa iniciei a tempada 07/08 sen mais obxectivo que facer o que poda mentras o chasis non me falle.

Este ano adiantei a inauguración á semana pasada na milla de Ponferrada porque fixeron carreira popular e puidemos voltar a tempo dos cantís de San Andrés. Non me saiu nada ben a carreira, corrín incómodo malia que o circuito se prestaba para dar "zapatilla".

Nesta fin de semana a cousa foi ben diferente. Coma en anos anteriores fixen dobrete correndo pola mañan a "PONFERRADA SIN MI COCHE" na que, gracias ó amigo Luis P., fixen un tempo de 40'06" (40'13" na clasificación oficial) con moi boa sensación pois fun de menos a mais e rematei ó sprint; foi unha boa ocasión para coincidirmos a maioría dos habituais das populares bercianas e irme enterando das próximas citas.

Pola tarde tiven a sorte de participar novamente na milla de O Barco desta volta na categoría de veterans "A" mais sen posibilidades de facer nada meritorio pois trocaron os escalons das categorías e cadrabamos os de 35 a 45 na mesma, para empeora-la cousa este ano corremos xuntos os veterans e os populares (alguns deles federados con marca) polo que decidín dar por bó o esforzo da mañan e sair a desfrutar do sensacional ambiente da proba con mais público por metro de carreira que hai en Galicia.


Tamén me saiu bastante ben pois voltei a correr de menos a mais e decidín que tiña que chegar á meta con todo asi que na derradeira recta fun capaz de alcanzar ós que ian diante mais sen poder sobrepasalos.

INCONFORMISMO

Recoñezo que por esto eiquí non leva a ningures, mais coido que ainda mais ridiculo sería facer unha reclamación ou calquer outra trangallada polo estilo.... O caso é que na foto de arriba se pode observar como chego á meta un segundo dempois que dous participantes da milla de O Barco; a ámbolos dous se lles pode identificar polos seus dorsais nas fotos número 84 da 1º galería e na foto 244 da 2º galería; cal non foi a miña sorpresa e LEDICIA ó ver que a estes compañeiros de chegada se lles asignaron como tempos de meta 5'23" e 5'25"; polo que deduzo que os moi satisfactorios 5'40" que me poñen a min nas clasificacions son, en realidade uns FANTÁSTICOS 5'27"...

22 ago. 2007

Mapas de google

Ben, agora que o PC funciona vou deixar unha idea

Antes recomendei WalkJogRun para partixar mapas de roteiros (de correr, de bici...) agora xa temos ferramentas en google maps para iso e para facer roteiros indicativos de como chegar ós sitios e outras lerias. Bótanse de menos as coodenadas que ten útiles resultan á xente que emprega GPS mais non debera ser difícil de engadir.

Eis unha mostra.


Visualizar o mapa ampliado

3 ago. 2007

de volta sen voltar

Como o poema aquel de Teresa de Jesus eu Corro sen correr e agardo a melloría entre molestia e molestia nas sesions do estio.

Pasei as vacacions con mellor plan do que previa gracias á bici matutina e corrin alguns días; uns non me molestou, outros molestoume algo ó escomenzar e outros a molestia foi continua; menos mal que me respectou a praia e puiden correr polo Vilar unhas cantas veces sen mancarme.

O malo ven agora que eiquí non hai dios que ande en bici pola tarde (35º) e non sei onde me vou meter a chapotear... mágoa de Biatlon do clube nautico -puideron agardar para facelo en Agosto- e sego sen o resultado oficial do triatlon de finais de xuño.

27 may. 2007

NBA

O Venres rematou o prazo de inscripción para os aquilianos 2007 e VSQN mais xa non me preocupa, estou centrado en recupera-la perna para o outono... Seica non partin o menisco mais si que lle puiden dar un 'apretón' ou pode que sexa cousa da idade e que xa teña desgastada a articulación...
De tódolos xeitos vou segui-lo consello que o doutor Borrás lle deu ó meu 'fillo maior' que SI ten un menisco roto: En tanto non te faga a artoscopia fas NBA...

Nadar
Bicicleta
Andar



É o que hai.

19 may. 2007

Mala pisada

Outra volta a "maldición dos aquilianos". O Xoves no adestramento da mañan debín pisar mal nalgunha pedra da beira do rio Sil e escomenzoume unha dor na cara interna do xoenllo esquerdo (o da artroscopia) que se fixo mais manifesta nos esforzos de subida.

A molestia vai pasando mais non teño claro que poda participar con garantías; ainda teño ata o Venres para me inscribires... Para mín é unha leria, levo adicandolle moito tempo e matinado moitas tretas para non perder de adestrar en case nenguha circunstáncia pois ainda que non se trata de unha proba para facer "calidade" si que é un reto importánte.

En fin, haberá que agardar e ver. Peor o tivo o amigo Emilio Montilla que tan perto estaba de conquerir gañar o campionato galego de duatlon... !!!que mágoa aquel mal día en Lalín¡¡¡ con eses puntos houbera abondado, pero o día era infernal. Ánimo rapaz que ainda tes moito percorrido.

14 may. 2007

Hai dias malos e dias menos malos

Viña eu moi contento de non ter pasado a semana en branco a pesares do desprazamento ás lonxanas terras da ribera del Duero pois souben botar man dos recursos de sendeirismo locais para facer unhas rodaxes interesantes incluido o feito de topar un corzo comendo entre os campos de cereal...


E acudín á cita de Ferreirua coa vista posta en adestrar para os aquilianos tentando facer un tempo similar ó de hai 2 anos.

Mais non puido ser. Xa o tema do quencemento non me saiu como esperaba e non sentin gañas nengunhas de sair de tal xeito que a saida me colleu moi desprevido e pasei o primeiro qm esquivando e sendo esquivado. Cando pasamos por 1º vez polo avituallamento enxebre xa me decatara de que ese non era un día dos de sentirse ben senon dos de cubri-lo espediente como puidese.

No qm 10 xa ia nos 42' e, ainda que logo tentei varias voltas apretar axudado polo canto do cuco e pola beleza das paisaxes que atravesamos non conquerirn arrincar así que rematei en 1h 31' (polo meu crono). Outra volta toca seguir traballando.

3 may. 2007

Correndo por todas partes

Esta afección de correr o que ten é que se pode "levar de viaxe" sen maiores atrancos así que fomos facer unhas etapiñas do camiño das estrelas polas "terras roxas do rio Oja" e ali me levei as zapas e roupa de 'rajar'.

Home, traballo serio non vas facer nin antes nin dempois de andar 35 Qm. mais sí unha rodaxe media aproveitando para atisba-la paisaxe e tal.

Gustoume. Os sitios, a experiencia, o xantar... o dificil vai ser NON querer facelo nas seguintes viaxes.

Aproveito a entrada para engadir un 'trebello' de chat. Non soio telo conectado, mais gustei da idea e resultame sinxela.

17 abr. 2007

O sitio tamén conta...

Ó fio dun tema do foro de CenG veume ó maxin a idea de cando un é CORREDOR.

Ter este veneno no corpo, esa necesidade ten moitas expresions.

Eu, o sábdo pola tarde coidara atopar unha cando, paseando por Cangas de Onís "asaltei" a unha atleta para lle preguntar por un sitio para correr...
I é que resulta duro renunciar a adestrar cando se vai 'para arriba' e tamén é duro facer renunciar ó resto da familia dunha viaxe por facer un o que lle prace. Así que deixei a VIG-BAY para mellor ocasión e fomos face-lo roteiro do Cares e outras cousiñas.
Durante a ruta non tiven moitos pensamentos atléticos ainda que recoñezo que sí cavilei no dificil que sería correr por esa sinuosa pista con ese barranco ó lado.

Bueno, o caso é que o domingo a mediodía estaba eu todo cheo tomando unha cañita cun chourizo á sidra no chigre que hai a carón do lago la encina, no parque natural dos picos de europa; todo cheo porque pola mañan, para cura-la envexa dos que correron a VIG-BAY, eu fixera 1h10' pola pista forestal que vai de Cangas de Onís ó parador (2 Qm longos; 4 voltas)... todo cheo coa miña caña cando vexo chegar aló ó lonxe a un tipo correndo por eses prados. Viña de facer unha travesía polos cumios da zona con neve ata os nocellos ou ainda mais i esas fermosas vistas. Quedei abraiado e só tiña pensamentos para a hora longa que me fixeran estar en Covadonga "ollando pedras".

Por iso o título da entrada. Un pode tentar compaxinar o pracer ou o traballo dun co disfrute da familia e facer 'rodaxes' ou outros traballos nos sitios mais insospeitados, pero sempre quedarán rincons coma estes onde o simple feito de estar xa é un placer; ¿que non será correr por alí?.

Haberá que probar na travesía dos Aquilianos.

Por certo, noraboa ós compañeiros de CenG e a todolos que puideron participar na VIG-BAY e moitos desexos de pronta recuperación @s mancados.

6 abr. 2007

A media das cerdeiras en flor


Onte acudimos a Cacabelos a facer un adestramento longo nunhas condicions óptimas.

Ceo mais ben despexado, con algo de brisa e unha temperatura duns 15 graos, cerdeiras en flor, cheiro a mel de avelá e a herba recén segada e neve nos cumios de os Ancares e os Montes de león.

Catro e dous mais de Correr en Galicia nos achegamos ata alí para adestrar e pasar unha boa tarde.

Arrincamos; eu, impulsado pola visión onirica da paisaxe e por un terreo chan fun bastánte mais rápido do que estou capacitado e non tiven atrancos ata o qm. 5 ou 6, alí decidín que era boa idea o que dixera un compañeiro de facer un 'test de sufrimento' e tentei aturar a ese ritmo todo o que puidera.
No primeiro paso pola festa de cacabelos tiven que "soltar"; 10 Qm. a 4' non era malo para min... e collín o pasiño de kan ata ben perto do qm. 15(1h01'50"). No segundo paso polos tobogans do río Cúa me vou sentindo outra volta con forzas e volto a 'cargar', xa dende o 17 e ata meta me vou sentido cada vez mellor e con mais gañas así que chego á meta con bó estilo...



O mais importante: Outra no saco como dí un amigo Vizcaino e que non teño a molestia esa de marras. Foi unha boa experiencia e pasei unha fermosa tarde de primaveira facendo o que mais me gustaba.

30 mar. 2007

O Pino e mais

Ainda que xa vai unha semana e a polémica xa foi dabondo no foro eu quero facer un comentario xeral ó respecto da confluencia de reivindicación e deporte.

Supoño que haberá outros referentes mais significativos e menos drásticos mais a mín cando acontecen estas cousas sempre me ven a sensación de tristura que tiña de raparigo cando os xogos olímpicos eran boicoteados por uns paises porque se organizaban en outros que logo devolvian o boicot... Sentía moita pena e vergoña de que algo que para mín era (i é) un festexo dun ideal de competición limpa se vise así empañado por asuntos políticos i excusas de mal pagador. A mercantilización dos XXOO dende "Os Ánxeles 84" e con eles de tódalas grandes manifestacions deportivas restoulles esa aura de inviolabilidade e chegou a contaminar, incluso, a credibilidade dos resultados neles acadados.

A interferencia foi 'baixando pola escala' e foi chegando a outra clase de eventos deportivos; lembro con grande dor os cortes de tráfico nas voltas ciclistas, sonoras pitas a corredores de maratón e un longo etcetera de concomitancias externas ós eventos deportivos.

Ó mesmo tempo, de xeito paralelo se veñen organizando eventos deportivos que son unha reivindicación en sí mesmos como pode se-lo exemplo dos xogos paralímpicos. Nestas probas a reivindicación é unha excusa para a celebración dun evento ou o evento faise para facer mais 'audible' unha reivindicación.

Agora, chegamos a puntos que rozan o surealismo e tamén a orixinalidade. Surealista porque protestar nun evento que ten menos espectadores que participantes non ten nada de práctico no nivel de repercusión que se pretende conquerir para unha causa por xusta que sexa... Orixinal porque organizar unha carreira de cross ó traveso dun espazo natural que se desexa protexer pode ser tomado como agresión (como os quads) ou como promoción.

Eu sumeime á reivindicación
porque me semellou xusta, non me sentín mais molesto coa "trona" do altofalante que coa megafonia de outras carreiras que veña a dicir 'bebe tal ou come cal'; non quedei á entrega de trofeos así que non sei si se molestou ou non mais si se fixo así estivo mal. Tentarei sumarme ó cross de Teira, pois coñezo ben o lugar e me daría moita mágoa que o estragasen con mais urbanizacions...

O andar dos Masai

Cando en Septembro foramos a Londres tiven ocasión de probar este calzado no pequeno café-tenda "kimantra" no Camden passage de Islington; mágoa de fotos non feitas de como tentaba atende-las explicacións do dependente que me dicia que os guerreiros masai mantiñan a espalda erguida e a vista no horizontes mentras corrian polo Serengeti e que gracias a esa posición as súas zancadas son mais fisiolóxicas i eficientes.



O certo é que o MBT se autodefine como "o calzado fisiolóxico" e que ten modelos para tódolos usos, inclusive os deportivos; iso si, coa salvedade da competición. Nos días que estivemos en Galway vin bastantes tendas con este calzado á venda (importado dende suiza) e me sorprende moito que non se venda por estes lares.

9 mar. 2007

Probando

Visto o de Padrón decidinme a probar un pouco de "traballo"; para escomenzar estreei a costa da prolongación da Avenida do Bierzo facendo series (450 mts); a verdade é que me custou mais baixar que subir porque o vento metia unha friaxe de demo. Ben, unha pendente continuada dun 7% con boa iluminación nocturna.

Hoxe mandeille uns intrevalos (fartlek) 15-5 a ver como lle sentan á perna...

Maña "proba de conducción" e pasado 'longo'. Hai que seguir preparandose que logo chegan "as 5 de primaveira" (Vig-Bay, Vilagarcia, Ferreirua, Coia e Betanzos).

4 mar. 2007

Deporte por fin...

Tanto tempo de "pertinaz sequia" só podía traer unha choiva torrencial...

E foi esta fin de semana cando se produciu a ansiada estrea deportiva do ano 2007.

Acudín a Padrón empuxado polas moitas gañas que tiña de participar e lembrando que xa o ano pasado quedara sen ir por mor da gripe así que desta volta as gañas empuxaron mais ca o vento e nos achegamos ata a desembocadura do Sar co corazón encollido polo tremendo espectáculo do fermoso monte convertido en pedregal.

Moita animación na zona de saida maila o vendaval, a organización traballou arreo e realizou as probas cunha puntualidade case inusual neste nivel. Grande grupo de Correr en Galicia que "mostrou os galons" como movemento e grupo de apoio ó deporte popular; o 'xefe' estivo a facer fotos así que xa se colgaran por alí.
Eu, a verdade é que cumprin abondo co que desexaba porque o meu non era, en realidade, a proba en sí; senon o dia seguinte e como non tiven molestia nengunha nese "dia dempois" pois me atopo moi satisfeito e ilusionado coa idea de que podo escomenzar a rodar en serio para acadar fondo e participar nas probas que se vaia podendo (non poño nomes para non as 'enmeigar'). Puiden correr, e rematar; podería alegar que me despistei na saida porque fun saudar a un compañeiro do clube de Atletismo 'As Mariñas' de Betanzos que coñecín na Maraton de Donostia e que me estivo a contar como foi que rematou a proba nunha padiola en estado de semishock por mor dunha retención de liquidos no estomago coa conseguinte deshidratación resultado do esforzo... e bueno, eu quedei conmocionado polo tema porque debín pasar polo seu lado cando o atendian e nin me din de conta... Saiuse, se cadra de puido facer de outro xeito pois a zona inmediata á saida era moi complicada; cunha estatua no centro e escalons, paso estreito por unha vella ponte e viraxe brusca con outro escalón. Ó principio custoume coller ritmo e debínme atravesar varias veces a outros participantes polo que pido desculpas. No Qm. 1,5 xa escomencei a senti-los efectos do "ventilador" que tan amablemente se deixaron aceso en Pontecesures polo que fun percurando a un compañeiro de espalda ancha e zancada potente para avanzar. Gracias ó deseño do percorrido puidemos ver de perto as evolucions dos que ian en cabeza nunha loita moi apretada. Xa cara a zona de viraxe pasamos a correr por un carril bici destes novos de cemento liso con pintura que esbaraba lixeiramente e logo había que baixar un dificil terraplen para pasar polo control e volta cara a vila; alí despregamo-la "spinaker" e nos deixamos levar polo vento.

Xa no Qm 4 semellaba que atopara o ritmo e o grupo para face-la proba. Paso por meta (20'30" coido) e, xusto no avituallamento sinto un pinchazo na pranta do pé, como o paseo ten terra e pedras coido que é unha pedra e tento movela golpeando forte o chan; nada, o pinchazo faise mais forte e non podo pisar ben; asi que, no paso pola ponte paro, saco a zapatilla e doulle uns golpes. Non vexo caer nada, paso a man polo pé e tampouco sinto nada así que volto a poñe-la 'zapa' mais o pinchazo segue. Paro outra vez, saco a zapatilla e míroa por dentro; nada, paso a mán polo pé e nada... Desconcertome, entón paso a man polo interior da zapatilla e sinto; unha agulla¡¡¡. Miro a suela por fora e atopo:Banderilla Claro, saqueina como puiden e berrei: "La P**a bandeira española". Seica a alguén non lle pareceu ben; pois que lle vou facer, si fose outra coido que tamén o diría pois non son eu moi amante dos farrapos que simbolizan. Lanceime con rabia cara adiante ata que o "ventilador" me voltou á realidade, cada un ten o seu sitio e o meu nesta proba estaba xa decidido así que escomencei a centrarme na pisada, na zancada e na sensación de correr e escomencei a disfrutar. Segundo paso polo control de viraxe; saco a "vela" e tento pegarme a un grupeto que ameazaba con pasarme ó sprint. Aturo como podo o ritmo e vou remontando algunha posición. Chegamos 41'36" posto 200 boa sensación. e mellores conversas e compañas a tod@s moita sorte nos proximos compromisos e a ver si nos vemos.

Duatlon de Lalín

Por si non o sabiades eu crieime en Venezuela nas "tripas" dun periodico; 'El Universal' e, de sempre sentín afección por narrar as cousas que via.

Desta volta tiven moita sorte por poder narrar para os sufridos asistentes a proba que oficialmente se denomina "duatlon de Lalín" mais que foi, de feito, un 'triatlon compacto' no que a natación se mezclou coas outras dúas probas. Participación de luxo nesta proba tanto en cantidade como en calidade, organización que loitou denodadamente para que a experiencia prenda e, co apoio das autoridades i empresas locais, poder repetir i estabilizar esta proba no calendario galego; logo xa se verá que mais se pode facer.


Desta volta contouse coa presencia sempre atrainte do Campion do mundo de triatlon, grande deportista e mellor persoa Fco. Xabier Gomez Noya.

Tiveron os deportistas i en xeral todos os que alí estabamos que soportar unha meteoroloxía dantesca que á postre lle disputou o protagonismo a este home pois ó vento da primeira hora da mañan se engadiron, xusto no intre da saida, unha forte chuvia e unha baixada da temperatura que, se fixeron dificil a contemplación da proba, mais dificil llo puxeron ós participantes. O circuito da carreira a pé podería ter sido mais lustroso si o tempo permitise a presencia de público polas rúas da vila mais houbo que se conformar con contemplar o esforzo dos atletas contra un terreo rompepernas e cheo de barro; xa no remate Xabier G.N. chegou en cabeza xunto con Jesus Gomar ó que deixou 'clavado' na saida da proba ciclista sen darlle a posibilidade de coller roda. No paso da 1ª volta pola rotonda do novo concello Gomez Noya levaba xa perto de 4' sobre o segundo clasificado que encabezaba un grupo dunhas 10-12 unidades no que se atopaban os amigos XabiNer i Emilio Montilla; a esa altura a proba femenina xa era cousa de Saleta Castro e Alba Cuba. E alí mesmo puidemos apreciar a dificultade extra que significaba a meteoroloxía para o tramo ciclista por foron varios os deportistas que se deslizaron pola auga acumulada sobre o asfalto.


Na saida do segundo tramo a pé Xabier Gomez Noya seguia cunha vantaxe considerable sobre o segundo clasificado que á sua vez se despegara do grupo cabeceiro que chegou tan apresuradamente que a piques estivo de haber algun accidente.

A victoria do favorito non lle resta, para nada, o seu mérito deportivo e humano i engade mérito a tódolos demais participantes ata o derradeiro pois so "persoas de ferro" enfrontan probas deste calibre e nestas circunstáncias.

Postre

E como non hai bó xantar sen postre tampouco debera haber 'finde deportiva sen el e a elo viñeron os compoñentes do "milqui" da selección española de atletismo facendo un magnífico triplete coa presencia destacada do berciano Sergio Gallardo.

23 feb. 2007

Mantemento

Fun de entroido e conquerin pasalo sen parar demasiado, vai a cousa a modo mais vai. Nadando non me queixo que non afogo nen me fundo. Correndo sego probando as plantillas co resultado de moderado optimismo porque algo sinto mais non como nos días de que rematei Donostia e cedeme en seguida así que haberá que ir probando a dar mais leña.

Non me marco mais obxectivos que participar que tal e como teño o tema laboro-familiar xa vai ser dabondo.

8 feb. 2007

Probando plantilla...

Os ritmos nos que nos movemos cotidianamente ralentízanse tanto cando un non pode facer o que quere que semella que o tempo non está a pasar ou é eterno...

Levaba sen corretear dende o 31 de Decembro e xa me tiña feito a idea de non facelo ata pasa-lo antroido mais fun a visitar a un amigo ortopeda que ten un reto para esta semán vindeira e comentamos a molestia que teño no poplíteo (cara interna da cabeza do peroné) e no pé (base proximal e cara externa do 5º meta) e pregunteille si sabía por eiqui de algúen que me fixese un estudo da pisada. Fíxomo él e me dixo que podía probar cunha plantilla que me "erguese" a a parte distal do 5º meta para que o peroné puidese facer ben o seu apoio...

Bueno, o tema é que ando nelo; claro que moi a modo porque un mes nótase moito. Nestes intres moléstanme tanto as mañiotas como a perna e teño que andar con tino co xemelgo da esquerda que tamén se pon "tenso"...


O que sí tento disfrutar ó máximo é o da patinaxe. Fixenlle outras 2 horas desta volta en León, unha pista moito mais pequena mais con moita menos xente.

Resultame curiosos que a perna non me moleste por isto e SI por ires conducindo ou por estar sentado... elo me fai ter esperanza de que se trate de algo mecánico-postural mais relacionado coa zona do pé ou do nocello que co xoenllo, porque eu estou disposto a volta 'ó coitelo' por correr mais coñezo que esa zona do popliteo é demasido perigosa para arriscarme a consecuencias maiores...

31 ene. 2007

Arco da vella

Dempois da chuvia ven o arco da vella

Después de la lluvia viene el arcoiris.

23 ene. 2007

Resarcimento

Como sempre considerei a vinganza coma un "plato podre" que non gosto de tomar pois mellor falar de resarcirse.

O venres arrouteime e collín peninsula abaixo coa firme intención de patinar e, malia ós múltiples compromisos e desexos, abofé que o conquerin e o disfrutei...

Ainda que non fun quen mellor o pasou...





Outras 3 horas... estas sen caidas nen recaidas.

18 ene. 2007

As ausencias...

Fallar a certas citas doe mais... Eu desta volta sei que perdín unha inmellorabel ocasión polo percorrido e polo motivo.

Celebrouse na pasada semana o primeiro acontecemento organizado pola nova equipa ciclista profesional galega e a fundación ciclismo galego; unha marcha cicloturista pola fermosa terra da costa da morte...Pasando ó pé do pai Pindo e da fervenza do Ezaro.

Coido que para facer calquera dos roteiros propostos me atopaba en condicions pois non deixei á miña loira mais que a semana que estiven na cama polo "meja-catarro".

Outra vez será.

9 ene. 2007

Outro mal inicio

Escomenza 2007 mal para min neste eido deportivo pois ó problema este da perna dereita veuse sumar un catarro que me tivo "encerrado" 3-4 días e que ainda me fai tusir dabondo.

Vou precisar algo mais que unha ollada para resolver este tema pois nestes días de reposo total a fascia do sóleo me seguiu a molestar; a zona externa do hoco popliteo tamén me molestou e vexo que en certas posicions (por exemplo sentado no PC, cruzando as pernas) a molestia xeralízase... Así que terei que buscar quen me estude o tema en porfundidade.

O día 31 fun correr e xa a perna non era a mesma e cheguei á casa co sóleo cargado como cando rematei a marathon.

Como estiven desconectado ata da tele só sei que a Xabier Gomez Noya lle deron o premio de 'ferrolan do ano' e que Emilio Montilla estaba a preparar un triatlon en canarias.

A Nercellada deste ano foi un éxito apoteosico: 15 atletas e unha estrela para da-la saida. Eu coido que nun mes a estrela xa está a trotar e para a primaveira xa estará adestrando.