Chegar e gracias.
Voltei a face-lo cabra e tirei monte arriba con outros 83 compañeir@s; enfrontamo-lo desafío dos 1300 metros de desnivel en 24 Qm dende Ponferrada ata o alto do morredero cun perfil que, debido ás súas variacions, esixe unha concentración especial...
A meteoroloxía non tiña nada que ver coa do ano pasado; día completamente despexado e fresco; 10º marcaba o termómetro de Puente Boeza cando pasamos ó seu carón.
Desta volta non me valía dicir que "é a primeira vez" nen aludir á meteoroloxía adversa para sair conservador ó principio así que, ainda sen estar no mesmo estado de forma que o ano pasado, tirei dende o principio e fixen ata o pé de Salas nun grupo de xente coñecida a unha media de 4'/qm.
Naquela primeira pendente tracei o ritmo a levar nas costas fortes; outra volta ia tentar chegar sen parar mais tampouco me podía permitir rebentar nunha costa polo medio da proba.
Pouco ou nada de atención lle prestei ó detalle de se ia diante ou detrás ou se ia en tal ou cal posto; concentreime no paso, en beber, en tomar os sobres de xel nos momentos oportunos i en por e quitar os manguitos segundo a sensación térmica. Viñeronme ben, cando non os precisaba postos dobrábaos e os levaba no borde do pantalón e os empregaba para seca-la suor.
Na recta de San Cristobal tentei por primeira vez meter algo mais de velocidade e, ó paso pola ermida, comparei o tempo co do ano anterior... non ia mal, non. Iso animoume e decidin apertarme un pouco nas rampas de Bouzas.
Cando a costa aminorou non sabía ben a que carta quedarme; se tentar recuperar un pouco ata a seguinte subida ou si tentar manter ritmo e confiar nun derradeiro sobre de xel e aperta-los dentes no tramo final. Tirei empuxado pola "sensación San Sebastián" de ter unha ocasión única de facer unha boa marca ainda que non estivese tan preparado como desexaba.
Na baixadiña cara ó mirador de Peñalba estirei a zancada e corrin de tal xeito que sentín frio nos brazos;no mirador ollei o reloxio (1:50') e pensei que podía facer marca persoal só faltaban 4 Qm.... o troco ó voltar a subir foi brutal, nun primeiro intre armeime de paciencia tentei un paso 'sabroson' ahi tomaronme estas fotos...
Ia eu 'cantando' no meu caletre un "remake" do tema 'Sementeira' de Fuxan os Ventos.
"Rebentar, rebentarei;
Toliño debo de estar,
mais mentres as pernas podan vou subindo
e sei que vou chegar..."
Logo xa me "rompín" e seguín subindo mais a forza de bracear que polo impulso das pernas...
Os intres finais dende o cruce cara a estación ata a meta foron reconfortantes mercede á compañía de Jorge a quen lle teño que agradecer o xesto. Cheguei con 2:14':16" Mellorando 8' a marca do ano anterior mais en virtude do clima que do estado de forma. Non estou insatisfeito porque esta tolería xa é un exito rematala. Da clasificación aínda non sei nada; mais contando polas fotos coido que fixen 24 dos 84.
Polo demais; vitoria e record de Roberto Jimenez un rapaz de Avila que sorprendeu a un Chus Alonso que saira valentemente a pola marca e se atopou cun rival inesperado; malia todo Chus mellorou tamén rexistro do ano pasado e terá que voltar a tentalo para inscribi-lo seu nome no palmarés da proba. Dos amigos Miguel quedou 3º na súa categoría.
Da organización nada que reprochar...A camiseta técnica desta edición é unha pasada (a podedes ver nas fotos, a levo por baixo da Kan-miseta) e porque a instalación da estación mellorou o posible e polo menos hai luz e un sitio pechado para se mudar. O xantar post-carreira ten un toque 'familiar' agradable; A ver si para o ano se anima mais xente.
1 comentario:
Las fotos preciosas...la carrera debe serlo tambien
Desde Asturias:
Ochobre
www.ochobre.es
Publicar un comentario