17 abr 2007

O sitio tamén conta...

Ó fio dun tema do foro de CenG veume ó maxin a idea de cando un é CORREDOR.

Ter este veneno no corpo, esa necesidade ten moitas expresions.

Eu, o sábdo pola tarde coidara atopar unha cando, paseando por Cangas de Onís "asaltei" a unha atleta para lle preguntar por un sitio para correr...
I é que resulta duro renunciar a adestrar cando se vai 'para arriba' e tamén é duro facer renunciar ó resto da familia dunha viaxe por facer un o que lle prace. Así que deixei a VIG-BAY para mellor ocasión e fomos face-lo roteiro do Cares e outras cousiñas.
Durante a ruta non tiven moitos pensamentos atléticos ainda que recoñezo que sí cavilei no dificil que sería correr por esa sinuosa pista con ese barranco ó lado.

Bueno, o caso é que o domingo a mediodía estaba eu todo cheo tomando unha cañita cun chourizo á sidra no chigre que hai a carón do lago la encina, no parque natural dos picos de europa; todo cheo porque pola mañan, para cura-la envexa dos que correron a VIG-BAY, eu fixera 1h10' pola pista forestal que vai de Cangas de Onís ó parador (2 Qm longos; 4 voltas)... todo cheo coa miña caña cando vexo chegar aló ó lonxe a un tipo correndo por eses prados. Viña de facer unha travesía polos cumios da zona con neve ata os nocellos ou ainda mais i esas fermosas vistas. Quedei abraiado e só tiña pensamentos para a hora longa que me fixeran estar en Covadonga "ollando pedras".

Por iso o título da entrada. Un pode tentar compaxinar o pracer ou o traballo dun co disfrute da familia e facer 'rodaxes' ou outros traballos nos sitios mais insospeitados, pero sempre quedarán rincons coma estes onde o simple feito de estar xa é un placer; ¿que non será correr por alí?.

Haberá que probar na travesía dos Aquilianos.

Por certo, noraboa ós compañeiros de CenG e a todolos que puideron participar na VIG-BAY e moitos desexos de pronta recuperación @s mancados.

6 abr 2007

A media das cerdeiras en flor


Onte acudimos a Cacabelos a facer un adestramento longo nunhas condicions óptimas.

Ceo mais ben despexado, con algo de brisa e unha temperatura duns 15 graos, cerdeiras en flor, cheiro a mel de avelá e a herba recén segada e neve nos cumios de os Ancares e os Montes de león.

Catro e dous mais de Correr en Galicia nos achegamos ata alí para adestrar e pasar unha boa tarde.

Arrincamos; eu, impulsado pola visión onirica da paisaxe e por un terreo chan fun bastánte mais rápido do que estou capacitado e non tiven atrancos ata o qm. 5 ou 6, alí decidín que era boa idea o que dixera un compañeiro de facer un 'test de sufrimento' e tentei aturar a ese ritmo todo o que puidera.
No primeiro paso pola festa de cacabelos tiven que "soltar"; 10 Qm. a 4' non era malo para min... e collín o pasiño de kan ata ben perto do qm. 15(1h01'50"). No segundo paso polos tobogans do río Cúa me vou sentindo outra volta con forzas e volto a 'cargar', xa dende o 17 e ata meta me vou sentido cada vez mellor e con mais gañas así que chego á meta con bó estilo...



O mais importante: Outra no saco como dí un amigo Vizcaino e que non teño a molestia esa de marras. Foi unha boa experiencia e pasei unha fermosa tarde de primaveira facendo o que mais me gustaba.