26 oct 2005

Resultados e mais fotos...



Xa se publicaron os resultados... Vaime pasando ese pesar que tiña por querer dar mais e non seren capaz. Vexo que xa estou nunha zona na que a diminución de 30" no total (de 3'48"/km a 3'45" )me houbese feito avanzar moito; de tódolos xeitos visto obxectivamente non está mal. Nunca correra por baixo de 3'50". O posto (268) tamén me deixa bastante contento. A seguir adestrando.



23 oct 2005

Pedestre 2005

Alí estivemos outra volta mais na proba por exelencia deste calendario outonal de Galiza. Nesta ocasión e ainda que a marca foi mellor que a de hai dous anos non tiven moi boas sensacions. A saida coloqueime ben e, salvo o lamentable incidente da camiseta que tirei (lamento sinceiramente ter molestado a outros participantes), sain ben colocado; tanto foi así que me forcei a ir a un tren que non é o meu e claro; ó kilometro e medio xa me asubiaban os foles... baixei á cruda realidade das miñas capacidades e limitacions e fun vendo pasar xente e tentando me concentrar no meu pasiño de Kan...na Virxe da cerca conquerin de novo un ritmo mais homoxeneo e a baixada da Rúa da Rosa me truncou pois non souben alonga-la zancada e funme freando co conseguinte cansanzo. Na costa da Praza de Vigo me pinchou o xoenllo esquerdo e dediquei un tempo a ver si aquelo ia a mais ou era froito dos medos. Pasei o control do chip en 25' e algo i encarei con medo o seguinte paso porque a baixa da costa do Galo é o mais perigoso para as miñas características. Ate o paso por diante do vello hospital non me concentrei na proba; fun collendo o meu pasiño e tratando de manter o meu ritmo de 4'/Km. até o pé da costa de Vite ia por baixo desa media. Na costa non me foi mal, non me cebei nin afrouxei en demasía co que cheguei a rúa San Roque (2 Km. á meta) en 40'. Ia pois no tempo e dixen "Viva San Fermín" e apretei todo o que puiden polo casco vello.


Hai o vou.. xusto no medio. Cheguei en 47'19" segundo o meu crono. Ainda a restora non se publicaron mais ca os resultados dos 50 primeiros.

O resto dos Pupilos de Xosé Nercellas (a frecha nercelleira)Foilles ainda mellor. Cristian Diaz quedou de 16 con 39'19" (en postos "de pasta"), e Martiño Nercellas fixo unha espectacular reaparición tra-lo retiro laboral...


A meteoroloxía foi boa para a carreira de adultos e magnífica para a dos rapaces, a organización estivo ben e, como queixa anecdótica dicir que o posto de auga podería estar 100 mts antes e que debería haber xente dando auga dende os dous lados da estrada para evitar que alguén se quede sen ela.

Ó remate alí na praza sempre hai moi bó ambiente entre a xente e repartense moitos tripticos de información de carreiras próximas. Mais, o mellor e atoparase cos amigos e ver o ben que lles vai.


I é que desta volta a miña compañeira fixo un sobresainte traballo como fotógrafa e conqueriu imaxes de grande beleza plástica tanto no paso pola rúa do vilar como na saida.


19 oct 2005

A miña versión e resarcimento.

Cando escribin o post sobor da carreira de Carral pouco sospeitaba eu que a confusión nun cruce a falla de 1 Km. dos compañeiros que me precedian fora ter algunha repercusión; mais o certo é que segundo a prensa local (ollo .pdf) quedei de segundo na categoría absoluta B.

Reafírmome no dito ós compañeiros que padeceron ese erro na liña de meta: "Non é xusto". non quedei a recolle-lo premio porque case nunca quedo ós protocolos de premiación e porque tiña que chegár ó Barco ás 3 e ia moi mal de tempo, mais podo afirmar que houbese renunciado o dito premio porque considero que non me corresponde. O tempo que fixen na proba ise sí que non ten enmenda e me deu moi boa sensación.

18 oct 2005

CASTANHINHO

Xa que hai que ter selección de Fuchibol para sermos NACIÓN cando menos ter unha mascota enxebre...


17 oct 2005

Carral, Un inferno.

Onte fun ate Carral coa sospeita de que era unha proba dura pois así mesmo o deixaron caer os da organización nos foros de Correr en Galicia.

Cheguei cedo e andiven mirando unhas fotos do circuito sacadas de googlemaps 3D e uns perfiles (logo vin que estimativos) do percorrido que xa me inquietaron bastante; mais o esquema da proba era "Sube e Baixa" así que decidin quencer ben (que non moito) e sair forte. Até o 3º tobogán non apreciei o dura que era a proba; tras 2,5 Km. cando un xa coida que escomenza a baixada chega "o muro de Cabrois" i é que atravesar esta aldea foi unha experiencia traumática porque non podías apreciar canta costa (¡¡e que costa!!) quedaba polas curvas que se daba entre as casas. Así, entre bufidos de desesperación e as risas dos lugareños por fin se relaxou a costa y escomenzou a baixada... con tobogans. A tirons e algo desmoralizado cheguei ó avituallamento sabendo que quedaba outra "subida de algo máis de 1/2 km cunhas ptes fortes no inicio" e alí casi morro; mais fixen ben non me cebar pois puiden rematar con forza e facer un bó tempo (polo meu crono 34'42" a 3'58").

Ó cabo, unha mañan fermosa, unha paisaxe fermosa, xente moi voluntariosa facendo unha boa organización (algun fallo nos cruces e na carreira infantil) e que se repita moitas veces.

11 oct 2005

Nercellas Power

Informan os nosos correspondentes nercelleiros que desta volta XabiNer acadou unha grande actuación no triatlón de longa distancia (4 km de natación, 114 km de ciclismo e 30 km de carreira a pe) Home de Ferro de Ibiza.



Na páxina da Federación Española de triatlon tedes a crónica oficial e a clasificación. Hai o está 9º do campionato estatal cun tempo de 6 horas e 51" IM-PRE-SIO-NAN-TE. O que non conta esta crónica é que a Xabi o penalizaron con 30" (seica por ir a roda) e que por iso non foi 8º.

5 oct 2005

Mira ti por donde... As dúbidas.

Cando escomenzou a tempada participei na carreira "Ponferrada sin mi coche" e deixei dito que estaba mal medida; logo me informaron que un garda non nos enviou por onde tiñamos que ir (non sei si a todos ou só a alguns); o certo é que fixemos menos dos 10 Km. pero mais de 9 (seica). Agora atopo na páxina de Multiesports Galicia os resultados (son as vantaxes de ter chip) o tempo non me desconcerta tanto visto o resultado de Pontevedra o posto si, ainda que a participación fora pírrica (porque con tan poucos participantes unha popular perde). Os resultados da milla de O Barco (.pdf) só traen ós 3 primeiros de cada categoría; eis a diferencia entre cartos e vontade.

3 oct 2005

Saida en Pontevedra

Non, non estou a falar de sair "de marcha" (que tamén); nen estou a seguir a senda de Sete Gibernau ese gran saidor das curvas, o que acontece é que Onte na Media Maraton de Pontevedra(.pdf) me sain de min mesmo.

Xa me dixeran que era un trazado para facer bó tempo i de seguido o comprobei pois pasei o Km 1 en 3'05" (seguro que estaba mal medido, pero: ¡¡que ilusión!!)A cousa ia moi ben co vento a prol e un grupo de xente experta na distancia tirando; chegamos ó Km. 10 en 37' (esto si que foi un pasadón; para 1º16') No xiro da farola pasei de 59. Co aire xa de cara primeiro me adiquei a aguantar detrás do grupo até o Km 15 (55' outro tempazo ) e logo me "abducin" e fun tirando co pasiño que puiden. Cando me vin no Km 18 animado polo mesmísimo Manuel Rosales (sabedes que lle teño gran admiración) entroume un ataque de euforia e conquerin non mingua-lo ritmo moito co que cheguei ó Km. 20 en 1º13' (para 1º21') logo xa si; fun algo mais lento ate chegar en 1º23'26" e 62 dun total de 419. Nova marca persoal desta xeira.

A organización é mellorable no percorrido (mira que non corta-lo tráfico) mais non é tan nefasta como se dí en certos foros... A meteoroloxía (agás o vento) foi o ideal e logo o disfrutei coa mellor compaña polo remozado casco vello da cidade.